A Fundación Emalcsa presenta a sexta edición do Festival de Artes pola Inclusión Cultural

Esta mañá presentouse a sexta edición do Festival de Artes pola Inclusión Cultural, Festigual, unha iniciativa da Fundación Emalcsa desenvolvida xunto co Concello da Coruña en colaboración con Vegalsa, a Fundación María José Jove e a Deputación da Coruña, que se celebrará do 26 de outubro ao 3 de decembro en distintas localizacións da cidade herculina.

Yoya Neira, vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña, foi a encargada de presentar esta nova edición do Festigual, nun acto que contou, ademais, coa presencia de Pedro Rubín, director teatral do Grupo Valacar, pertencente á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), así como Ana Vasco, coordinadora do proxecto ‘Un Museo en Movemento’ e membro da Xunta Directiva da Asociación Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, e Nerea Quintela, técnica de proxecto RSE en Vegalsa Eroski.

O Festigual 2022 contará cunha ampla programación de actividades, na que se poñerá en valor os proxectos das entidades subvencionadas dentro do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, así como a participación de outros grandes nomes como a compañía teatral Yllana coa súa obra Campeones de la comedia, o grupo musical Sisters in the House ou o artista ‘El Langui’, que poñerá o broche final ao festival o próximo 3 de decembro.

Durante a presentación, Yoya Neira puxo en valor a programación deste Festigual 2022, no que haberá preto de ’30 actividades e intervirán máis de 150 persoas e artistas’, destacou a vicepresidenta da Fundación Emalcsa.

Este evento é un escaparate imprescindible para amosar á cidadanía todo o traballo de fondo, ensaios e procesos creativos que conleva calquera actividade artística. Ademais, este ano o Festigual achégase a unha poboación especialmente sensible: os e as adolescentes. Por iso, durante esta edición do Festigual, moitos dos espectáculos irán dirixidos especialmente ao alumnado de secundaria.

A programación do Festigual, na que participan asociacións tanto culturais como sociais, abrangue desde obradoidos inclusivos ata concertos, teatro, audiovisuais ou exposicións, sempre desde un punto de vista inclusivo.

Consulta o programa completo de actividades.