A vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira da área de Benestar Social do Concello da Coruña, Yoya Neira, presentou esta mañá a sétima edición do Festigual, que ofrecerá unha quincena de espectáculos e eventos culturais na cidade do 1 ao 3 de decembro, data na que se conmemora o Día Mundial das Persoas con Discapacidade. Durante o evento, Neira estivo acompañada de Avia Veira, deputada provincial, o músico Robert Pier, da asociación TresxCuatro, e a saxofonista Sophie Simmonds.
“Festigual segue apostando por unha arte para todos, no que todos poidamos ser artistas e espectadores e abrir as nosas mentes para que a cultura sexa cada vez máis transversal e accesible”, sinalou Neira. “Nesta sétima edición Festigual dá un paso máis aló na inclusión e non só acollerá expresións artísticas de persoas con diversidade funcional. Tamén abrirá a porta a outros tipos de inclusión, en todos os ámbitos e en todas as franxas de idade”, engadiu.
Nese sentido, destaca o espectáculo que pechará o festival o día 3 de decembro no Centro Ágora, un concerto de Pandereteiras Sen Fronteiras (Pan Sen Fron), que tras percorrer o mundo vén á súa cidade para presentar un espectáculo no que traballou cos veciños e veciñas do barrio do Campanario e que fusiona a música tradicional galega coa riqueza da cultura xitana.
Festigual fíxase este ano tamén noutros sectores vulnerables. É o caso dos mozos e mozas que viven en pisos tutelados. A obra teatral “Soños”, escrita por dúas persoas que coñecen ben esta realidade, está destinada a centros escolares e poderase ver o 22 de novembro no centro cívico Os Mallos.
Ademais destas novidades, retorna a gala “Música baixo as Estrelas”, na que se volven a subir ao escenario artistas da rúa da cidade tan coñecidos xa como Sophie Simmonds, Krece ou Tecla Negra e que contarán este ano coa intervención de Píscore, un dos grupos teatrais que mellor fusiona música e humor. Será o 1 de novembro ás 19h no Teatro Colón.
Haberá de novo espazo para a danza inclusiva con Experimentadanza que nesta edición de Festigual ten ademais unha colaboración coa banda municipal ao redor de Picasso que poderá verse no Centro Ágora o 8 de novembro e que tamén visitará distintos centros escolares. A banda municipal participará tamén co grupo TresxCuatro e Robert Pier nun concerto de música inclusiva no Teatro Colón o 23 de novembro ás 20.00 horas
En cinema contaremos cunha estrea: o documental de Iría Grajal sobre a musicoterapia e os seus efectos beneficiosos sobre as persoas con discapacidade que poderá verse o 3 de novembro en Afundación ás 18h.
Como en anteriores edición, hai persoas e entidades da cidade que achegan sempre os seus proxectos artísticos a Festigual: Poten100mos, a asociación Participa pola Inclusión, o Proxecto Máscara e a asociación cultural Negus son algunhas delas, pero tamén se contará coa presentcia de ONCE e o seu grupo de teatro Valacar e outras institucións como o Colexio de Médicos, que ofrecerá unha xornada de arte e saúde o día 1 de novembro.
Pola sua banda, a Sociedade Filatélica da Coruña promove a exposición “Un xenio volve á casa” do 30 de novembro ao 17 de decembro na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga. E Asociación Amigos do Museo de Belas Artes estarán o 15 de novembro no teatro Colón e o 3 de decembro no Centro Ágora para que os asistentes aos espectáculos poidan vivir a experiencia do seu museo virtual. Esta actividade tamén é de balde, mais hai que anotarse na web.
“Un ano máis, Festigual ofrece un programa moi completo, de alta calidade artística, para todas as idades e que demostra que esta cidade, tamén na expresión artística, non deixa ninguén atrás”, rematou Neira.