A Fundación Emalcsa presenta a quinta edición do Festigual, unha iniciativa pola inclusión social

 

Esta mañá pesentouse a programación da quinta edición do Festigual, unha iniciativa da Fundación Emalcsa, que se celebrará do 9 ao 27 de novembro en distintos puntos da cidade da Coruña.

No acto estivo presente Yoya Neira, vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, que foi a encargada de presentar os diferentes actos que compoñen esta nova edición do Festigual, ademais de Felipe Alonso, fundador da axencia de fotografía Nós Why Not, e Rebeca Ponte, especialista en artes terapéuticas.

‘O Festigual é un escaparate impresindible para que todo ese traballo de fondo, de ensaios e procesos creativos que supón calquera actividade artística, se expoña ante o grande público’, afirmou Yoya Neira durante a súa intervención.

Despois dun 2020 marcado pola pandemia, o Festigual recupera o seu formato habitual con eventos en distintos espazos culturais da cidade e contará cunha ampla programación de actividades na súa edición máis ambiciosa, como obradoiros inclusivos, concertos, teatro ou exposicións, sempre desde un punto de vista inclusivo.

Nesta edición do Festigual participarán compañías de recoñecido prestixio, como a Orquesta Basket Beat de Cataluña ou a Fundación DISA de Canarias. Tamén destaca no cartel a actuación das populares Tanxugueiras, que pechará o programa o sábado 27 cun concerto no Centro Ágora.

Ademais, o Festigual celebrará a segunda edición do Concurso de Fotografía Inclusiva, cuxa temática é a cultura e as artes inclusivas. Os interesados en participar, poderán enviar as súas pezas ata o 30 de novembro. As fotografías gañadoras da primeira edición do certame estarán expostas na Casa da Auga ata o 4 de decembro.

Destaca tamén a exposición ‘Unha mirada dende a diversidade’, de Nós Why Not, a primeira axencia de fotografía de personas con discapacidade intelectual. As súas obras estarán colgadas do 14 de novembro ao 3 de decembro en Méndez Núñez, avenida do Porto, praza de Lugo, Primo de Rivera e praza de Ourense.

A entrada aos diferentes eventos será gratis ata completar aforo e haberá que reservar os billetes enviando un correo electrónico a festigual.coruna@gmail.com.

Consulta o programa completo de actividades aquí.