A Fundación Emalcsa presenta a oitava edición do Festigual, o encontro de arte e cultura inclusiva máis importante do noroeste

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, presentou esta mañá a oitava edición do Festigual, o festival de artes inclusivas que organiza cada ano a Fundación Emalcsa xunto co Concello da Coruña e que xa é un referente no noroeste da península. No acto tamén estivo presente a deputada provincial Avia Veira, xunto coa directora da asociación Poten100mos, Cristina de la Puente, e a actriz do espectáculo ‘Nada se sabe’, Corina Alfonso Mañá.

Esta iniciativa busca a inclusión de toda a sociedade a través da cultura, ofrecendo, do 30 de outubro ao 29 de novembro, unha das programacións máis completas, que abrangue desde teatro, música, danza, exposicións e graffitis, ata encontros formativos e actividades para todas as idades. “O Festigual pon á persoa no centro, independentemente das súas características, as súas capacidades, porque a cultura é un dereito de todos e todas, e a arte pode ser unha poderosa ferramenta de transformación social”, indicou Nereida Canosa durante a súa intervención.

A concelleira quixo agradecer tamén a participación de todas as entidades sociais que forman parte da programación do Festigual e tamén ás entidades colaboradoras no mesmo: a Fundación María José Jove, Vegalsa e a Deputación da Coruña. Canosa animou á veciñanza a “acudir aos espectáculos e gozar de todas as actividades desta oitava edición dun festival que non só ten unha gran calidade artística, senón que tamén, a través da inclusión e a accesiblidade á cultura, mellora a nosa calidade como cidadanía”.

O festival abrirá o 30 de outubro no Centro Sociocultural Ágora co espectáculo ‘Cerebro, Artes, Acción’, unha colaboración entre Experimentadanza e a Banda Municipal da Coruña, que explora a complexidade do cerebro humano a través da danza e o teatro. Ademais, por terceiro ano consecutivo, o Festigual contará co concerto ‘Música baixo estrelas’, protagonizado por artistas da rúa da cidade e que terá lugar o 3 de novembro no Teatro Colón.

Os usuarios e usuarias das asociacións Poten100mos e AÏS subiránse ao escenario do Ágora o 7 de novembro para amosar que a creatividade non ten barreiras coas obras ‘O misterioso cabaré do Sr. Pilgrim… e Freestyle” e “A proxección sonora III. La Frábrica Illuminata”, respectivamente. O 9 de novembro, tamén no Ágora, será a quenda de ‘Puños de harina’, a multipremiada obra de Aedo Teatro que afonda en temáticas sociais coma o racismo, a violencia e a diversidade cultural.

A programación tamén inclúe espectáculos de reflexión sobre a exclusión e a discapacidade con pezas como ‘Nada se sabe’, unha coproducción do Centro Dramático Galego e Culturactiva Producións que poderá verse no Teatro Colón o 17 de novembro.

A música estará presente a través dos concertos de Fillas de Cassandra, que será en acústico, e Chungo Pastel coa súa aposta pola fusión de tradición e modernidade, ofrecendo unha experiencia acústica accesible a todos os públicos o 27 de novembro no Ágora. O concerto ‘Músicas Inclusivas e Participativas’ cerrará a programación de espectáculos desta edición do Festigual o 29 de novembro. No concerto, Robert Pier, xunto co Coro Diversos Funcionais, poñerá en escena un espectáculo que mestura música e emocións compartidas.

A arte urbana tamén terá o seu espazo co proxecto ‘Graffiti Inclusivo’, unha proposta colaborativa na que a Asociación Participa promove a participación de persoas usuarias de centros sociais. Terá lugar o 8 de novembro no Centro Amigó Os Mallos ás 17h.

A programación complétase coa exposición sobre o XV aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade que organiza a Sociedade Filatélica da Coruña e que estará do 28 de novembro ao 15 de decembro na sala municipal de exposicións Salvador de Madariaga. Ademais, a asociación Amigos do Museo de Belas Artes estarán no Ágora do 7 ao 27 de novembro co seu Museo Virtual e o 9 de novembro terá lugar unha xornada de arte e saúde no Colexio Oficial de Médicos da Coruña.

Todas as actividades programadas nesta edición do Festigual serán de balde. Algunhas delas precisarán de inscrición previa, que se realizará a través da páxina web do propio festival.

Consulta aquí toda a programación de actividades do Festigual.