A Fundación Emalcsa participa na presentación do proxecto pedagóxico da Asociación Cultural AÏS “A proxección sonora”

O pasado venres 18 de febreiro, tivo lugar nas instalacións do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT), a reunión de arranque do proxecto pedagóxico “A proxección sonora”, xestionado pola Asociación Cultural Aïs. Esta iniciativa artística, dirixida por Pulso Ensemble, pretende acercar a música contemporánea e experimental a persoas con diversidade funcional, especialmente auditiva.

Grazas ao apoio e asesoramento da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Asociación de Colaboración y Promoción del Sordo (ACOPROS), os participantes poderán ser introducidos en diferentes prácticas sonoras contemporáneas, no que o diálogo, a creación artística e a inclusión son os principais protagonistas.

Esta actividade, que se encadra dentro da VI Convocatoria “Cultura Accesible e Inclusiva” da Fundación Emalcsa, comezará o sábado 5 de marzo e desenvolverase durante os meses de marzo e abril en horario de 11 a 14h.

Máis información: reservascor@muncyt.es