A Fundación Emalcsa organiza obradoiros de finanzas domésticas e aforro enerxético para persoas en risco de exclusión social

 

A Fundación Emalcsa, xunto coa área municipal de Benestar Social do Concello da Coruña e Ferrovial Servizos, ven de poñer en marcha unha serie de obradoiros formativos sobre finanzas e aforro enerxético para persoas en risco de exclusión social. O obxectivo é que os participantes sexan capaces de xestionar a economía familiar e así facilitar a optimización dos seus ingresos e recursos.

A vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, foi partícipe do primeiro obradoiro, que tivo lugar no centro cívico da Cidade Vella. As persoas ás que vai dirixida esta iniciativa son, primordialmente, encargados ou encargadas de unidades familiares completas que, ademais de percibir rendas insuficientes coas que facer fronte aos gastos vitais, encóntranse nunha situación de desemprego e exclusión sociolaboral que lles impide levar unha vida digna. “Unha das nosas prioridades é non deixar a ninguén atrás. Tras a pandemia, temos a obriga de axudar ás persoas en risco de exclusión e conseguir a súa plena inserción”, comentou a vicepresidenta.

Unhas 20 persoas serán beneficiarias destes obradoiros prácticos, previamente seleccionados polos Servizos Sociais municipais. Por outra parte, e na súa totalidade, os talleres serán impartidos polos profesionais da empresa Ferrovial Servizos, que asume o coste íntegro da iniciativa.

Desta maneira, dáse continuidade aos programas formativos iniciados en anos anteriores, tamén en colaboración con Ferrovial Servizos, nos que se chegaron a formalizar contratos de traballo en varios casos e que serviron de precedente para seguir traballando neste tipo de propostas de carácter social. Un gran exemplo de compromiso con estes colectivos, é o programa de emerxencia social A Flote, da Fundación Emalcsa, que busca garantir a atención inmediata desas persoas que sofren en primeira persoa as consecuencias da exclusión laboral e social.

Yoya Neira, xunto cos representantes desta empresa, seguen a traballar cóbado con cóbado para seguir a ofrecer este tipo de accións formativas aos grupos máis vulnerables nun contexto no que son máis necesarias ca nunca. “Esta nova mostra de colaboración público-privada permitiranos axudar ás persoas máis necesitadas. Desde a Fundación Emalcsa e desde o Concello apoiaremos sempre este tipo de iniciativas, que buscan unha maior igualdade social”, indicou a vicepresidenta.