O mércores 9 de marzo tivo lugar a presentación oficial da II Andaina Solidaria #ImportaEMoito, un proxecto solidario a favor das mulleres migrantes da cidade, encadrado dentro das accións reivindicativas do Día da Muller e organizado pola Fundación Emalcsa.
Á presentación tiveron o pracer de asistir; a vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade e Benestar Social, Yoya Neira; a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e o xerente da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar.
Todo o recadado a través da venda de dorsais solidarias para esta iniciativa, irá destinado de maneira íntegra á Fundación Juan Soñador, co que se levarán a cabo diferentes accións de acollida e información para mulleres migrantes a través do seu programa Círculos de Mulleres – Malaikas, no que actualmente participan un total de 45 mozas de 11 nacionalidades diferentes.
Os donativos desta acción realizaranse a través da web oficial do Concello da Coruña e terá un custo de 3€, 5€ ou cantidades superiores. A data límite para inscribirse na andaina é o 20 de marzo ás 23:59h e a proba desenvolverase en horario nocturno o día 26 de marzo.
Máis información: www.coruna.gal