A Fundación Emalcsa, o Concello da Coruña e Gadis promocionan a VI edición de ‘Deporte Solidario’

María Pita acolleu esta mañá a firma dos convenios coas entidades seleccionadas na VI convocatoria de ‘Deporte Solidario e Inclusivo’, impulsada pola Fundación Emalcsa. O acto contou coa presencia da presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa, Inés Rey, da súa vicepresidenta, Yoya Neira, do concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, e do director do departamento de Responsabilidade Social Corporativa, Antonio Cortés, así como das persoas representantes das 26 entidades deportivas seleccionadas.

Desde o 2013, a Fundación Emalcsa, en colaboración co Concello da Coruña e Gadis, mantén unha liña de intervención destinada ao fomento do uso do deporte como instrumento social a través do programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’. Durante estes seis anos, a través deste programa promoveuse a actividade deportivo-social de 222 entidades, que desenvolveron 180 proxectos, conseguindo a participación de 110.240 persoas.

Ata a data, van destinados 1.500.000 euros (250.000€ en cada convocatoria) e espérase con esta sexta edición do programa superar os 14.300 beneficiarios, de acordo coas estimacións presentadas polas entidades para os seus proxectos correspondentes. Neste sentido, Inés Rey subliñou que nesta edición as e os principais destinatarias/os destas axudas son os nenos, nenas e adolescentes.

Nesta convocatoria priorizouse a dimensión social e inclusiva das iniciativas. Un 75% da financiación destinase ao proxecto social e o outro 25% á actividade deportiva de base. Tras o proceso de avaliación, estas 26 entidades seleccionadas empregarán 254 traballadores da cidade e mobilizarán a 484 voluntarios; ademais de contar cun total de 16.712 socios e 3.406 licenzas de deporte federado, das que o 35% son femininas.

Os proxectos e entidades beneficiarios supoñen unha ampla representación da diversidade de deportes que se practican na cidade, entre os que destacan: baloncesto, escalada, esgrima, fútbol, fútbol sala, halterofilia, hípica, natación, pádel, patinaxe, piragüismo, rugby, tenis, tenis de mesa, tiro con arco, tríatlon e péntatlon moderno, vela e wáter-polo.

Para o desenvolvemento dos proxectos seleccionados, as entidades deportivas contarán coa colaboración de entidades sociais especializadas na atención dos distintos colectivos beneficiarios dos proxectos da convocatoria, como son: Down Coruña, Aspronaga, Fundación Ingada, Aspace Coruña, ONG Ecos do Sur e Fundación Camiña Social, entre outras.

Pola súa parte, Antonio Cortés, agradeceu a labor social desenvolta pola Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña no ámbito do deporte inclusivo e puxo en valor as máis de 1.000 colaboracións da empresa no mundo do deporte.

As entidades seleccionadas da VI convocatoria do programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ (2019/2020) son:

  • Club Escuela Tenis Marineda
  • Agrupación Montañeros Independientes
  • Real Sociedad Deportiva Hípica de La Coruña
  • Club Torre S.D.
  • Club Zalaeta 100tolos
  • Club Halterofilia Coruña
  • Club Básquet Coruña
  • Club del Mar de San Amaro
  • Sporting Club Casino de La Coruña
  • Athletic Coruña Hóckey Club
  • Unión Vecinal Ventorrillo
  • Club Hércules Termaria
  • Club Ximnasia Rítimica María Barbeito
  • Club Natación Coruña
  • Orillamar S.D.
  • Club Esgrima Coruña
  • Club Maristas
  • Club Viaxes Amarelle
  • Galicia Rollers
  • Club Marítimo Oza (o puntal)
  • Real Club Náutico da Coruña
  • D. As Xubias
  • Asociación Coruñesa Waterpolo
  • C.D. Salvador de Madariaga
  • Club Eiris S.D.
  • Victoria C.F.