O pasado venres 16 de decembro, a Fundación Emalcsa asinaba un convenio coa Asociación Pro Enfermos Mentais de A Coruña (APEM) para a explotación da nova actividade infantil instalada no centro da cidade: os cabaliños dos xardíns de Méndez Núñez.
Inés Rey, presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa de A Coruña, presentaba esa mañá a nova iniciativa cultural no Cantón Grande. Este proxecto, levado a cabo desde a Fundación, permitiu recuperar esta atracción turística e cultural coruñesa que estivo activa entre os anos 1969 e 2002. Os cabaliños de Méndez Núñez, deseñados por Luís Mediero e elaborados con fibras de vidro, constitúen “unha das atraccións máis simbólicas da cidade e dun alto valor histórico e sentimental para moitos coruñeses e coruñesas”, apuntaba Rey.
A posta en marcha desta iniciativa creará novos postos de traballo nos que a inclusividade será principal protagonista. Persoas desempregadas e con diversidade funcional colaboradoras da asociación APEM serán as encargadas de poñer en marcha a actividade máis de 180 días ao ano. Desta forma, ambas as entidades contribúen a facilitar a recuperación, adaptación e integración social e laboral de persoas con enfermidades mentais e prestar o apoio necesario ás súas familias.
Desde o sábado 17 de decembro, a atracción protagonizará o lecer infantil nos xardíns de Méndez Núñez e manterá o seu percorrido clásico entre o Palco da Música e a estatua de Daniel Carballo. Ademais, os caballitos estarán operativos durante períodos vacacionais como Nadal, pontes, datas festivas e todas as fins de semana do ano. O horario da atracción será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.
Por último, a rexedora mostrou o seu profundo agradecemento a APEM polo seu labor social e inclusivo como asociación na cidade. Tamén destacou que con esta iniciativa, ademais de contribuír á inserción laboral de persoas con diversidade funcional, volvíase facer “deste espazo un punto de encontro de veciños e turistas e que futuras xeracións crezan tamén montando nestas carruaxes”, indicaba a presidenta da Fundación Emalcsa.