A Fundación Emalcsa entrega os premios do programa ‘A Coruña de todos’, que promoven a inclusión social a través das artes e a filatelia

 

Esta mañá tivo lugar o acto de entrega de premios ás persoas gañadoras do concurso ‘A Coruña de todos’, unha iniciativa promovida pola Fundación Emalcsa e a Sociedade Filatélica da Coruña en colaboración con Correos.

Este proxecto, executado dentro da sexta edición do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ da Fundación Emalcsa, implica a persoas con Asperger e diversidade funcional, usuarias das asociacións Aspronaga e Asperga, e que toman parte nun certame de fotografía e artes plásticas orientado a defender unha visión da Coruña como cidade inclusiva e precursora neste eido con respecto á meirande parte das capitais do país.

Este concurso, plantexado como un exercicio de creatividade e imaxinación, busca promover a participación dos membros de Aspronaga e Asperga nas actividades culturais da cidade, difundir a súa perspectiva da Coruña como urbe accesible e en sintonía cos obxectivos da Sociedade Filatélica, mellorar a experiencia dos visitantes ás exposicións filatélicas e potenciar a súa interese polo coleccionismo en xeral.

A presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada pola vicepresidenta da fundación e concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, presidiu esta mañá o acto de entrega dos premios ás persoas gañadoras e puxo en valor o compromiso do concello co tecido asociativo e as entidades do terceiro sector na cidade, “colaborando para a posta en marcha de proxectos que reforcen a identidade da Coruña como unha cidade inclusiva”.

Neste senso, Inés Rey dou a noraboa a Aarón Rey García e Adrián Ordóñez Martínez, premiados na categoría de fotografía, e a Jorge Armesto Bouzas, Ismael Souto Botana e Marta Costa Amigo, os tres gañadores na categoría de artes plásticas nesta edición do certame. Os seus traballos serán expostos e formarán parte da exposición filatélica conmemorativa do 175º aniversario da fundación do Circo de Artesáns da Coruña, mostra que terá lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura Salvador de Madariaga entre os días 17 de novembro e 8 de decembro.

Durante a súa intervención, Inés Rey fixo extensible esta noraboa “a todas as persoas participantes no concurso, porque o verdadeiro premio deste certame vai máis alá das obras; é a posta en valor dunha contribución colectiva para facer da Coruña unha cidade accesible e inclusiva”.