A Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña promoven un programa de musicoterapia para persoas con necesidades especiais de centros da cidade

A Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña darán continuidade durante este curso escolar ao programa de musicoterapia e pedagoxía musical orientado á integración e mellora do desenvolvemento educativo, emocional e social de persoas con necesidades educativas especiais. O programa, que se realiza en colaboración coa Concellería de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, deselvolverase nos centros de educación especial Nosa Señora do Rosario e Nosa Señora de Lourdes-Aspronaga, así como no centro educativo Grande Obra de Atocha. 

Desde a súa primeira edición no curso 2019-2020, o programa musicoterapia, no que participan máis de 60 estudantes con necesidades especiais, foi valorado de maneira moi positiva pola súa contribución ao proceso educativo, cultural e inclusivo do alumnado participante.

Musicoterapia está enmarcado dentro do catálogo de programas educativos municipais denominado Coruña Educa e para o seu desenvolvento formalizouse un acordo de colaboración entre a Concellería de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica e a Fundación Emalcsa, mediante o que se regula a súa execución e realización. O investimento municipal será de 75.840 euros, distribuidos nos cursos escolares 2024-2025 e 2025-2026, estando prevista, ademais, a prórroga do programa durante dous anos máis.

“O Goberno de Inés Rey entende que a promoción da inclusión social a través da arte e da cultura, así como a igualdade de acceso a unha educación e formación inclusivas e de calidade, son actividades imprescindibles para asegurar o desenvolvemento dos vínculos comunitarios e a educación social“, indicou Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica. Por iso, “é fundamental poñer en valor a música como ferramenta e que o seu propósito se dirixa á educación e ao cambio social, resaltando a diversidade como motor deste cambio”, engade Borrego.

O programa musicoterapia conta con sesións deseñadas e realizadas por Iria Rajal, responsable do desenvolvemento do mesmo e titulada en Pedagoxía Musical pola Escola de Canto de Madrid e en Teatro Lírico e que conta, ademais, cun master en musicoterapia impartido polo Instituto Superior de Estudos Psicolóxicos de Madrid e a Universidade de Vic. Dentro do programa trabállase con técnicas activas e receptivas en catro aspectos principais para os participantes: o psicomotriz, o vogal e da linguaxe, o afectivo-cognitivo e o impulso da interacción social.

Desta maneira, promóvese a implicación activa do alumnado con técnicas orientadas ao traballo da linguaxe corporal, o pensamento simbólico, a escoita, a execución, o movemento e a improvisación musical, facendo énfase na creatividade e na autoexpresión. Estas actividades compleméntanse con outras técnicas, como a vibroacústica ou sonoterapia, a cal promove a escoita e a percepción de sons, frecuencias e vibracións que emiten instrumentos específicos como os diapasóns terapéuticos, cuncos de cristal de cuarzo e tibetanos ou tandrum entre outros.