Este ano cúmprense cen anos do pasamento da escritora Emilia Pardo Bazán, e para conmemoralo o concello da Coruña, xunto con Fundación Emalcsa, ven de organizar máis de 40 actividades no seo do ‘Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI’. Esta mañá celebrouse no paraninfo da Universidade da Coruña a inauguración do congreso, á que asistiron o conselleiro da Xunta, Román Rodríguez e o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, acompañados por José María Paz Gago, coordinador xeral do congreso, e Xosé Luis Axeitos, representante da Real Academia Galega.
Do 22 oa 25 de setembro, especialistas de todo o mundo analizarán e poñerán en valor as múltiples facetas da autora, pioneira na consecución dos dereitos sociais e a igualdade máis alá do eido literario. Pardo Bazán é considerada como unha das persoas máis influíntes da súa época e un símbolo da modernidade e da vangarda aínda vixente na actualidade.
O congreso, no que tamén participan as tres universidades galegas e que se celebrará tanto no paraninfo da Universidade da Coruña coma na Fundación Barrié de la Maza, máis de 100 investigadores tratarán de aproveitar este Centenario para achegar a figura de Pardo Bazán aos lectores actuais para recalcar que o seu legado humano e literario segue estando presente cen anos despois.
Máis información sobre o congreso aquí.