A Fundación Emalcsa e a Fundación María José Jove renovan a súa alianza para promover unha cultura inclusiva

A presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto coa presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, asinaron esta mañá a renovación por tres anos máis do convenio de colaboración no programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’. O convenio conta cunha achega de 30.000 euros durante os próximos tres anos e ten por obxectivo apoiar a entidades que favorezan o acceso igualitario e inclusivo á cultura. Estiveron acompañadas pola concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira.

O programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ deselvolve proxectos sociais para promover o acceso igualitario á cultura na cidade a través de actividades destinadas a persoas con capacidades diversas ou en risco de exclusión social, para que poidan desenvolver todo o seu potencial creativo e cultural. Desde o ano 2015, o programa contou cun investimento de 800.000 euros e beneficiou xa a máis de 30.000 persoas. 

‘O eixe central sobre o que se desenvolven os proxectos é o impulso da cultura como instrumento transformador, con especial atención aos colectivos máis vulnerables’, sinalou a presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Con este fin, concedéronse subvencións dentro do programa a 27 entidades culturais, reunindo proxectos de diversas temáticas como obradoiros, ensaios, concertos, funcións ou exposicións, e mostras de diferentes ramas como o cinema, a danza, o teatro, a pintura ou a música.

Inés Rey agradeceu a participación da Fundación María José Jove no programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, un programa que ‘potencia a inclusión social das persoas con diversidade funcional mellorando o seu acceso á cultura e promovendo a igualdade de condicións e oportunidades’. ‘A cultura debe ser unha ferramenta de intevención social para conseguir unha sociedade máis diversa e inclusiva na que a cultura é un dereito non só como espectadores, senón tamén como creadores e xestores’, concluíu Rey.