A Fundación Emalcsa e a Fundación María José Jove analizan os avances dos programas Norte e Pares

A Fundación Emalcsa e a Fundación María José Jove celebraron onte unha xuntanza de seguimento para avaliar a evolución dos programas Norte e Pares, dúas iniciativas que traballan de maneira coordinada na prevención dos problemas de saúde mental entre a mocidade da Coruña.

A reunión estivo presidida pola presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e por Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove. Xunto a elas participaron tamén Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade; María Lemos, presidenta da Asociación Participa; Belén Rey, directora de Relacións Institucionais da Fundación María José Jove; e Bettina Kohlhaas, directora da Fundación Emalcsa.

Durante o encontro analizáronse os resultados acadados ata o de agora, identificáronse novas necesidades e estableceron liñas de traballo compartidas para seguir fortalecendo a atención á saúde mental xuvenil na cidade. As dúas entidades destacaron a importancia de manter proxectos estables que garantan unha resposta integral e continuada ás demandas da mocidade.

Os programas Norte e Pares desenvolven accións de acompañamento, apoio emocional e intervención socioeducativa destinadas a adolescentes e ás súas familias, especialmente en situacións de vulnerabilidade. O seu labor céntrase tanto na detección temperá de dificultades como na prevención de situacións de risco, reforzando habilidades persoais, sociais e comunitarias.

Máis infomación sobre os programas Norte e Pares.