O concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo organizan o 24 de abril de 2022 a XVI Carreira Popular C10. Nesta edición, os fondos recadados co dorsal 0 irán destinados á Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína) co obxectivo de dotar aos hospitais ucraínos do material necesario para atender a todos os feridos a causa da guerra que está a acontecer no país.
AGA-Ucraína é unha iniciativa de un grupo de emigrantes ucraínos residentes en Galicia que, xunto a familiares e amigos, tratan de axudar ao seu país nestes momentos difíciles. Na actualidade contan con delegacións nas catro provincias galegas e en torno a 500 voluntarios e empresas coas que colaboran.
As súas principais liñas de axudas son:
- Envío de axuda humanitaria (roupa de abrigo, alimentos e medicinas). Ata o momento, xa se enviaron a Ucraína unhas 200 toneladas de axuda humanitaria. O transporte realízase con vehículos e condutores ucraínos, o que lles permite levar a mercadoría a diferentes cidades e campos de refuxiados en todo o país.
- Envío de doazóns económicas ao Goberno e a diversas ONG ucraínas. Ademais destas doazóns, por iniciativa de diversas entidades públicas e privadas, están a organizar actividades benéficas para a captación de fondos en toda Galicia.
- Acollida de refuxiados en Galicia. Desde a asociación coordínase a recollida dos refuxiados na fronteira coa colaboración das autoridades ucraínas e facilítase aos refuxiados o aloxamento, manutención e asistencia durante, po lo menos, seis meses con familias de acollida. Trátase dun procedemento de urxencia ata que entren no circuíto de protección internacional do estado ou poidan regresar a Ucraína.
- Organización de actividades para os refuxiados que chegan a Galicia.
- Outros servicios como asistencia psicolóxica para refuxiados, servizo de tradutores e asistencia de avogados especializados en estranxeiría.
¿Queres colaborar un pouco máis con AGA-Ucraína? Envía un correo electrónico a aga.ucrania@gmail.com explicando en que poderías axudar e aportando os teus datos de contacto.
Apúntate á carreira facendo click aquí.