A Fundación Emalcsa asina un novo convenio de colaboración co Concello da Coruña para o desenvolvemento da súa actividade

O director-xerente da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, asinou coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o novo convenio de colaboración polo que o consistorio achegará un total de 150.000 euros para o desenvolvemento da súa actividade en 2024.

O obxectivo do convenio é sufragar os gastos ordinarios da Fundación Emalcsa, tales como persoal, adquisición de medios e materiais, seguros ou alugueres de equipos, maquinarias e/ou outros inmobles vinculados directamente á actividade subvencionada. Tamén gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da actividade ordinaria como cartelería, dípticos ou outros servizos profesionais.

A alcaldesa puxo en valor o traballo desenvolto pola entidade en materia de igualdade, inclusión e benestar social. Durante a súa intervención, estacou as convocatorias de Deporte Solidario e Cultura Inclusiva, que dan apoio a entidades sociais da cidade, así como a posta en marcha do programa Coruña Acompaña.

A Fundación Emalcsa traballa na promoción da igualdade de oportunidades, especialmente nas persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade. Tamén traballa na promoción do deporte base como transmisor de valores e hábitos de vida saudables, así como na promoción de proxectos de cooperación e desenvolvemento económico.

Desde a súa constitución no ano 2021, a Fundación Emalcsa levou a cabo case de 500 proxectos e actividades dos que se beneficiaron máis de medio millón de persoas.