A Fundación Emalcsa aposta polo programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ coa firma dos convenios de colaboración da VII edición do programa

A Fundación Emalcsa asinou hoxe os convenios de colaboración coas entidades seleccionadas na VII convocatoria de ‘Cultura Accesible e Inclusiva’, un programa impulsado en colaboración co Concello da Coruña, Vegalsa e a Fundación María José Jove, que promove a posta en marcha de proxectos culturais para favorecer a inclusión social.

O acto estivo presidido por Inés Rey, presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, que estivo acompañada pola vicepresidenta da fundación e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Yoya Neira, así como por representantes das entidades beneficiarias e dos distintos patrocinadores do programa.

Inés Rey, durante a súa intervención, puxo como exemplo o programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ como unha alianza entre as entidades públicas e privadas, “unha colaboración que deberíamos manter en moitos outros ámbitos sempre en favor dos coruñeses e coruñesas”. Ademais, destacou a contribución da Fundación María José Jove e Vegalsa como mostra da relevancia da colaboración entre institucións para impulsar proxectos tan significativos como os seleccionados nesta edición.

Os 17 proxectos sociais seleccionados na VII convocatoria de ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ contarán cun presuposto total de 100.000€ para levar a cabo actividades e programas que fomenten a inclusión de colectivos discriminados socialmente ofrecéndolles espazos culturais seguros e os medios necesarios para mellorar o seu benestar e desenvolvemento persoal.

As entidades seleccionadas na VII convocatoria do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ son:

  • Demusicade
  • Asociación Xuvenil Atlántica Axa
  • Asociación Participa para a Inclusión Social
  • Asociación Amigos do Museo de Belas Artes
  • Asociación Cultural Zalaeta
  • Negus
  • Asociación 3×4
  • S8
  • Poten100mos
  • Asociación Cultural para a Integración Social Diversos
  • Sociedade Filatélica da Coruña
  • Asociación Cultural AÏS
  • Atempo
  • Viraventos
  • Asociación Cultural Albatros
  • Asociación Proxecto Máscaras
  • Asociación Socio-Cultural Acampa