A exposición da Sociedade Filatélica recolle unha década de creatividade no programa Cultura Accesible e Inclusiva

O Centro Sociocultural Ágora acolle desde esta semana unha mostra que recompila o traballo da Sociedade Filatélica da Coruña nas distintas edicións do programa Cultura Accesible e Inclusiva, promovido polo Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa.

O acto de inauguración contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen destacou o “importante papel que xoga este programa para achegar a cultura a todas as persoas e promover a participación de asociacións e entidades como a Sociedade Filatélica”. Castro estivo acompañado por José Luis Rey Barreiro, presidente da entidade filatélica, durante o percorrido pola exposición.

Un proxecto pioneiro e recoñecido

A participación da Sociedade Filatélica comezou en 2016 cun concurso de debuxo dirixido aos membros das asociacións Asperga e Aspronaga, centrado na Cruz Vermella na Coruña. O resultado foi a emisión dun selo personalizado e dunha tarxeta postal prefranqueada por parte de Correos, marcando un fito na filatelia española: foi a primeira vez que persoas con diversidade ilustraron unha emisión filatélica.

Este traballo pioneiro foi recoñecido en 2018 co premio ao mellor selo personalizado de España, e desde entón, a entidade coruñesa participou en todas as edicións do programa Cultura Accesible e Inclusiva, sumando un total de seis selos e nove tarxetas postais prefranqueadas.

Un percorrido visual e emotivo

A mostra, que estará dispoñible ata o 15 de xuño, está estructurada en oito paneis, un por cada ano de participación, nos que se amosan os debuxos e fotografías orixinais enmarcados, así como os prego de selos emitidos por Correos. Ademais, en varias vitrinas pódese ver material relacionado cos actos celebrados durante estes anos.

A exposición está aberta a todos os públicos e supón unha oportunidade para coñercer unha iniciativa que, a través da creatividade, promove a inclusión real e o acceso á cultura para todas as persoas.