O Centro Ágora da Coruña acolleu esta tarde o ‘I Encontro de Programas Inclusivos Fundación Emalcsa’. Máis de 40 asistentes acudiron a esta xornada organizada pola Fundación Emalcsa e a Asociación pro personas con discapacidad intelectual de Galicia (ASPRONAGA), coa colaboración do Concello da Coruña.
Desde o 2012, a Fundación Emalcsa, en colaboración co Concello da Coruña, mantén unha liña de intervención destinada a promover a cultura e o deporte como instrumentos sociais a través dos programas ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ e ‘Deporte Solidario e Inclusivo’.
O director xerente da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, explicou o espírito das convocatorias de ambos programas, que xa van pola sexta edición en deporte e a cuarta en cultura. “Moitos de vós, a través dos vosos proxectos, estades a dar oportunidades de normalización a nenos, nenas e adolescentes, que por diversas circunstancias se atopan en situacións de risco de exclusión. Ás veces non é necesario un gran proxecto, senón chegar a aqueles colectivos máis vulnerables para favorecer a súa participación nas actividades ou dinámicas da entidade”.
Pola súa parte, o presidente das Comisións de Ocio e Lamastelle de ASPRONAGA, Alberto Vidal, destacou que “é necesario acoller, apoiar e realizar encontros inclusivos para fomentar a integración social dos colectivos con diversidade funcional. Desta maneira fomentamos a concienciación social co fin de conseguir unha inclusión real nas actividades culturais, deportivas e sociais”.
Ademais, neste encontro, realizouse unha mesa redonda na que participaron algunhas das entidades beneficiarias dos programas ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ e ‘Deporte Solidario e Inclusivo’. Yago González (Proxecto Máscaras), María Martínez (Asociación Participa), Alfonso Queijo (Orillamar SD) e Juan Hernández (Escuela de Tenis Marineda) puxeron en común as súas opinión en base a súa experiencia e coincidiron en que mediante os seus proxectos buscan a integración social para favorecer o acceso igualitario e o desenvolvemento cultural e deportivo a toda a cidadanía.
Para finalizar a xornada, realizáronse tres obradoiros, ‘Convocatoria Cultura’, ‘Convocatoria Deporte’ e ‘Proxectos Inclusivos’, co obxectivo de educar en valores e ensinar as boas prácticas para a correcta inclusión social dos colectivos con diversidade funcional ou en risco en exclusión social nas actividades culturais e deportivas.