A carreira #QuerémonosVivas recadou 9.000 euros para a investigación contra o cancro

A vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, agradeceu esta mañá a participación das 2.818 persoas que asistiron á IX Carreira Popular Torre de Hércules #QuerémonosVivas, proba do circuíto municipal Coruña Corre e que, por vez primeira, tivo un carácter solidario. Segundo Fraga, a proba “foi un éxito tanto no referido ao seu impacto simbólico como a nivel de participación”. Do total de asistentes, 770 persoas asistiron á andaina solidaria, unha proba non competitiva de catro quilómetros que compartiu, parte do percorrido, coa carreira nocturna da categoría absoluta.

“A alta participación dá conta do carácter solidario da Coruña”, apuntou Fraga, quen expuxo que, en total, se recadaron 9.031,63 euros que se destinarán, integramente, á investigación contra o cancro de mama e á mellora da calidade de vida das mulleres que padecen esta doenza. “Dese total 3.934,90 euros recadáronse na xornada da propia carreira a través de achegas en efectivo”, sinalou a vicepresidenta, quen estivo acompañada na rolda de prensa por Carmen Cereijo, enfermeira da Unidade de Mama do CHUAC.

“O noso obxectivo é ampliar esta cifra, por iso este domingo, no marco do Maratón Atlántica, instalaremos un Punto Solidario nos soportais da praza de María Pita, para que todas aquelas persoas que desexen colaborar con esta iniciativa, e aumentar o importe desta doazón, poidan facelo”, explicou Fraga. As achegas poderanse facer en efectivo cun importe mínimo de 3€, que darán tamén acceso á posibilidade de obter unha das camisetas conmemorativas da carreira e da andaina solidaria #QuerémonosVivas.

A doazón canalizarase a través da Fundación Emalcsa, que establecerá unha colaboración coa Unidade de Mama do CHUAC e a Fundación Profesor Novoa Santos.