A Carreira C10 amosa o seu apoio ao pobo ucraíno e recadará fondos para axuda sanitaria

O Concello da Coruña, a través de Fundación Emalcsa, promoverá durante a realización da carreira C10 do próximo domingo 24 de abril accións solidarias en apoio á poboación ucraína.

O pasado martes 12 de abril, a vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, xunto coa concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez, presentaron as iniciativas municipais que se levarán a cabo durante este evento, organizado conxuntamente coa Federación Galega de Atletismo.

A cidadanía poderá facer as súas achegas económicas a través da páxina web habilitada pola Federación Galega de Atletismo ou nunha urna colocada na zona do Parrote o mesmo día da carreira. Os fondos recadados a través do dorsal solidario irán destinados á Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA -Ucraína) co obxectivo de dotar aos hospitais ucraínos do material necesario para atender ás persoas feridas pola guerra. Concretamente, precísanse apósitos e medicamentos para parar hemorraxias.

Ademais, o propio día da proba realizarase no Parrote a partir das 12:15h unha sesión solidaria de zumba aberta a todo o mundo. Poderán participar nela as persoas que se inscribiran na carreira, que colaboraron co dorsal solidario ou todo aquel que se achegue ese día ata o recinto.

Apúntate á carreira e colabora co dorsal solidario facendo click aquí.