
A LXXIII Tempada Lírica de Amigos da Ópera da Coruña arranca o vindeiro 5 de setembro e estenderase ata o 5 de decembro cun programa que inclúe preto de trinta actividades. A Fundación Emalcsa, fiel ao seu compromiso coa cultura e o desenvolvemento artístico da cidade, volve ser unha das entidades patrocinadoras desta emblemática cita musical.
O acto de presentación, celebrado no Teatro Colón, reuniu representantes das institucións públicas e entidades colaboradoras. Entre eles, Bettina Kohlhaas, subdirectora xerente da Fundación Emalcsa, reafirmou o apoio da entidade a este referente lírico do panorama galego e estatal.
Unha homenaxe a Carmen para inaugurar a tempada
A tempada inaugurarase cunha celebración moi especial: os 150 anos da estrea de “Carmen” de Bizet. Para iso, presentarase unha produción do Gran Teatre del Liceu con dirección escénica de Calixto Bieito, os días 5 e 7 de setembro no Palacio da Ópera. Esta montaxe, que marca o regreso deste título á Coruña tras 19 anos, reunirá sobre o escenario a máis de 200 profesionais, incluíndo á Orquestra Sinfónica de Galicia, recoñecidos solistas e os coros Gaos e Cantabile.
Produccións propias e estreas en Galicia
A programación continuará cunha produción propia de Amigos da Ópera, “La finta semplice” de Mozart, os días 26 e 28 de setembro no Teatro Colón, baixo a dirección de Gianmaria Aliverta e coa participación de destacados intérpretes internacionais.
O broche de ouro a esta intensa edición chegará o 5 de decembro, coa estrea na Coruña de “Pelléas et Mélisande”, a única ópera composta por Claude Debussy. O mestre José Miguel Pérez Sierra dirixirá á Orquestra Sinfónica de Galicia e un elenco de voces internacionais.
Gala con Samuel Mariño e unha firme aposta didáctica
Entre as propostas destacadas figura tamén a gala do 24 de novembro protagonizada polo recoñecido sopranista Samuel Mariño, acompañado ao piano por Jonathan Ware, nunha actuación que combinará música e posta en escena.
A vertente educativa e inclusiva da tempada lírica tamén terá un lugar protagonista. Máis de 1.000 escolares participarán nas xornadas “Ópera para nenos”, e celebraranse sesións didácticas, recitais gratuítos en centros sociais, proxeccións de cine e ópera, así como un curso de interpretación vocal a cargo do barítono Carlos Álvarez, que culminará cun concerto no Museo de Belas Artes.
Compromiso coa cultura
Durante o acto, Natalia Lamas, presidenta da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, agradeceu o apoio das entidades colaboradoras da Tempada Lírica e subliñou que esta edición “supón un novo reto organizativo e económico”, pero mantén o compromiso de ofrecer “a maior calidade artística”.
As entradas e os abonos para persoas asociadas estarán dispoñibles do 12 ao 18 de xuño, mentres que a venda xeral comezará o 20 de xuño a través de ataquilla.com ou na Praza de Ourense.
Consulta aquí o programa completo da LXXIII Tempada Lírica.
