27 proxectos promoverán a integración social a través da práctica deportiva

A Fundación Emalcsa vén de poñer en marcha a quinta edición do Deporte Solidario e Inclusivo, no que participarán un total de 27 entidades deportivas coa colaboración de 20 sociais.

A Fundación Emalcsa destinará un total de 250.000 euros para financiar o desenvolvemento de 27 proxectos que promovan a igualdade de oportunidades e a integración social a través da práctica deportiva de distintas disciplinas de base, como resultado da quinta edición da convocatoria Deporte Solidario e Inclusivo, que se desenvolve a través da Fundación Emalcsa. O presidente da fundación e alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá os convenios coas 27 entidades deportivas adxudicatarias. “Deporte Solidario e Inclusivo trata de profundar nese obxectivo común, que todas e todos compartimos, de facer unha cidade máis xusta, realmente plural, que respecte e coide das diversidades, pero que tamén facilite a inclusión de colectivos vulnerables”, sinalou Ferreiro.

As iniciativas seleccionadas no programa, que conta coa colaboración de Gadisa, abranguerán distintos ámbitos de actuación, como son a educación en valores e o fomento de hábitos saudables, así como da sensibilización ambiental e igualdade de xénero; a participación de persoas con diversidade funcional así como en situación de vulnerabilidade social, exclusión ou pobreza; ademais de propostas innovadoras dirixidas a menores en recuperación dun tratamento oncolóxico, ou a persoas privadas de liberdade que se atopan no centro penitenciario de Teixeiro.

convenio-deporte-inclusivo

“Falamos dun programa que dá a posibilidade, a milleiros de veciños, de mellorar moitos aspectos da súa vida cotiá a través do deporte”, advertiu o alcalde, quen lembrou que, desde a súa posta en marcha no 2013, o Concello da Coruña investiu 1.250.000 euros neste programa. Os proxectos, que se poderán desenvolver até o 15 de agosto de 2019, ofrecerán tamén unha ampla representación da diversidade de deportes que se poden practicar na cidade, entre os que se inclúen hóckey herba e sala, tenis, tenis de mesa, bádminton, pádel, baloncesto, boxeo, escalada, patinaxe, fútbol e fútbol sala, piragüismo, esgrima, atletismo, triatlón e pentatlón moderno, judo, xadrez, halterofilia, balonmano, vela, tira con arco, natación, rugby, hípica ou waterpolo.

Dimensión inclusiva e social

A quinta convocatoria de Deporte Solidario e Inclusivo introduciu distintas novidades para outorgar maior dimensión social e inclusiva ao programa, como o aumento do importe mínimo das axudas ou o impulso de iniciativas que contemplen entre os seus obxectivos a promoción do deporte feminino e a igualdade de oportunidades do deporte. A este respecto, unha das principais melloras desta edición é a concesión dun total de 276 bolsas para persoas usuarias dos distintos programas municipais que se atopan en situación de risco de exclusión social. Así, a Fundación Emalcsa, en colaboración coa Concellería de Xustiza Social e Coidados, así como Igualdade e Diversidade, facilitarán a participación, totalmente gratuíta, en 16 proxectos deportivos para persoas con diversidade funcional, solicitantes de asilo e refuxio, mulleres e menores que se atopan en situación de violencia machista ou calquera outro perfil de vulnerabilidade social. “Esta medida parte da idea fundamental de favorecer a integración social entre aqueles colectivos vulnerables cos que o Concello xa está a traballar noutros programas, para acadar unha inclusión real e efectiva tamén a través do deporte”, apunta a concelleira de Igualdade e vicepresidenta da Fundación, Rocío Fraga.

As 27 entidades que desenvolverán a programación de actividades son as seguintes: ADC Alquimia Inline, Agrupación de Montañeros Independientes, Asociación Coruñesa de Waterpolo, Athletic Coruña Hóckey Club, BM Línea 21, Club 5 Coruña Fútbol Sala, Club Atletismo Riazor Coruña, Club Básquet Coruña, Club de Mar de San Amaro, Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT), Club Escuela de Tenis Marineda, Club Esgrima Coruña, Club Gimnasia Rítmica María Barbeito, Club Halterofilia Coruña, Club Marítimo Oza-O Puntal, Club Natación Coruña, Club Torre SD, Grumico SD, Orillamar SD, Real Club Náutico da Coruña, Real Sociedade Hípica da Coruña, Sociedade Deportiva As Xubias, Sporting Club Casino, Unión Veciñal Ventorrillo, Viaxes Amarelle FSF, Victoria CF e Zalaeta 100Tolos.

Estas entidades deportivas contarán coa colaboración nos seus proxectos de 20 asociacións que traballan no ámbito social, especializadas na atención dos distintos colectivos beneficiarios dos programas seleccionados na convocatoria, como son ASPRONAGA, GRUMICO, COGAMI, Fundación Camiña Social, Fundación Meniños, ONG Viraventos, ASPERGA, Centro de Protección de Menores Lar A Mercé, ACLAD Coruña, ASPACE Coruña, Equus Zebra, ADCOR, Fundación Indaga, FEAFES, ADACECO, Fundación Juan Soñador, Fundación Mujeres, ASPACE, ASPANAES, ONG Ecos do Sur e ASOTRAME.

convenio-deporte-inclusivo-2