Máis de 12.000 persoas visitaron a exposición sobre ‘La Pepa’

A exposición A Coruña-Cádiz: a Constitución irmá, que permaneceu aberta na Casa da Cultura Salvador de Madariaga desde o 1 de decembro ao 27 de xaneiro, logrou atraer a máis de 12.000 visitantes, que puideron coñecer de primeira man a historia da primeira constitución española e da relación entre A Coruña e Cádiz. 

Sobre ese total de visitantes, uns 10.000 acudiron a título individual á mostra, mentres que os restantes participaron nalgunha das 32 visitas guiadas que se celebraron. A maioría estiveron destinadas a estudantes de Bacharelato ou de 3º e 4º de ESO; coa participación dos centros públicos Monelos, Fernando Wirtz, A Sardiñeira, Adormideras, Rafael Dieste y Betanzos; e dos colexios privados Obradoiro, Compañía de María e Esclavas. Así mesmo, organizáronse 11 grupos de adultos, que o solicitaron a través de distintas organizacións.

Ademais, unhas 1.700 persoas, un de cada sete visitantes, participaron  no xogo interactivo no que debían recoñecer a que cidade pertencía a imaxe que lles estaban mostrando, poñendo así de manifesto as moitas similitudes entre A Coruña e Cádiz.

Esta mostra, organizada polo Concello, en colaboración coa Asociación de la Prensa coruñesa e a Fundación Emalcsa, contou con un dos sete exemplares orixinais que se conservan da Constitución Liberal de Cádiz. Os visitantes tamén puideron contemplar a urna na que se celebrou a votación de La Pepa ou o acta de sesión do Concello na que se xurou a Constitución.