O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá, en calidade de presidente da Fundación Emalcsa, os convenios coas entidades beneficiarias da terceira convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva. O programa, ao que a Fundación Emalcsa destina 100.000 euros, ten como obxectivo favorecer a posta en marcha de proxectos que faciliten a inclusión de persoas con diversidade na vida cultural, e sexan protagonistas da mesma. Tal e como apuntou Ferreiro durante o acto de sinatura, no que tamén estiveron presentes a vicepresidenta da Fundación Emalcsa e edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, este programa “é unha ferramenta xa consolidada, na que necesariamente colaboran o tecido cultural e social, para avanzar cara a unha cidade máis plural, diversa e igualitaria”.
Nesta terceira edición, todas as entidades culturais solicitantes das axudas obtiveron o financiamento total ou parcial para desenvolver os proxectos que presentaron, como son Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, Sociedade Filatélica da Coruña, Asociación Cultural para a Integración Social DIVERSOS, La Quinta del Arte, Asociación para o desenvolvemento da cultura musical na infancia para colectivos desfavorecidos e en risco de exclusión social (Demusicade), Asociación Cultural Tres por Cuatro, Asociación Proxecto Máscaras, Asociación Cultural Coruñesa Negus, Asociación Cultural Sen Ánimo de Nome, Asociación Ponten100mos, Asociación Cultural Zalaeta e Asociación Participa para a inclusión social. As entidades desenvolverán, este mes de decembro e até agosto de 2019, 12 iniciativas culturais vinculadas ao mundo da música, teatro, cine, danza, pintura, visitas a museos e monumentos, poesía, creación de contidos e fotografía.
“Unha das características quen fan especial esta convocatoria é que as beneficiarias deben contar co apoio e colaboración de entidades sociais, o que afonda, precisamente, na liña de traballo de cooperación cos axentes locais pola que apostamos desde o goberno municipal”, explicou Ferreiro. Así, as adxudicatarias estarán acompañadas de 33 entidades que traballan no eido das diversidades ou con persoas que se atopan en risco de exclusión social e colectivos escolares, “12 máis que na pasada edición”, salientou o presidente da fundación Emalcsa, como son: Asociación Cultural ABLÚ, Asociación Comisión Católica Española de Migración ACCEM, Asociación Cidadá de Loita contra a Droga ACLAD, Asociación Coruñesa de Promoción do Sordo (ACROPOS), Asociación de Dano Cerebral Adquirido (ADACECO), ADAFAD, Fundación Adultos Discapacitados da Coruña, (ADCOR), Asociación Familiares Enfermos de Alzheimer A Coruña (AFACO), Asociación para a integración do neno disminuído (AIND), Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS), Asociación de Nenos con Déficit de Atención con ou sen hiperactividade (ANHIDACORUÑA), Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña (APEM), Asociación para a Inclusión de Persoas con Diversidade Funcional (ARTEFIOS), Asociación Coruñesa de Epilepsia, Asociación de Pais de Persoas con trastornos do Espectro Autista da Coruña (ASPANAES), Asociación Galega de Asperger (ASPERGA), Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (ASPRONAGA), Colexio Calasancias, Centro de Atención a Persoas con Discapacidades da Coruña (CAPD Coruña), Comité Anti SIDA da Coruña (CASCO), Cociña Económica, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Asociación de Síndrome Down (DOWN CORUÑA), Ecos do Sur, Fundación Fogar Santa Lucia Mulleres Sen Teito, Fundación Mujeres, Grupo de Persoas con Discapacidade de A Coruña (GRUMICO), Grupo Vocal SPV do CEIP San Pedro de Visma, Liga Reumatolóxica Galega, Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), Asociación Pascual Veiga, Asociación Benéfica Renacer e Asociación do Síndrome de West (WEST GALICIA).
“A participación de máis entidades sociais e sanitarias da cidade neste programa, do que só o ano pasado participaron case 10.000 persoas nalgún dos seus eventos, confirma que estamos no bo camiño para acadar unha cidade máis inclusiva e diversa”, aseverou Ferreiro, quen lembrou que, ao longo destas tres edicións, a Fundación Emalcsa destinou 260.000 euros ao proxecto, no que tamén colaboraron entidades como a Fundación María José Jove, Repsol, Vegalsa, Fundación Banco Sabadell e Naturgy.