A presidenta da Fundación Emalcsa e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto co presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro, asinaron esta mañá o acordo de colaboración existente entre a Fundación Emalcsa e o grupo empresarial, que desde o ano 2017 apoia económicamente o programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’, unha iniciativa que ten como obxectivo impulsar a inclusión social a través do deporte.
O acordo subscrito implica unha doazón de 20.000€ por parte de Gadisa para contribuír a financiar a novena convocatoria do programa ‘Deporte Solidario e Inclusivo’, correspondente á tempada 2022-23, e tamén con vistas á súa décima edición, para o periodo 2023-24.
Desta forma, o Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, e Gadisa reforzan a súa colaboración por dous anos máis, unha continuidade posta en valor por Inés Rey: «O Goberno municipal está firmemente comprometido coa integración social, é consciente da importancia de traballar pola igualdade de oportunidades e tamén da necesidade de fomentar hábitos saudables ente a cidadanía, cuestións ás que este programa da resposta». Neste sentido, continuou Rey, «agradecemos a implicación de Gadisa no proxecto, o que amosa os beneficios que a colaboración público-privada lle pode brindar á cidadanía».